O Concello de Abegondo logra a súa inclusión entre os proxectos medioambientais aprobados pola Unión Europea (UE) na súa convocatoria do ano 2012. Trátase do único concello español, xunto co de Zaragoza, que consegue ser beneficiario deste programa europeo.
A UE aprobou un total de 248 proxectos no continente, dos que 69 son españois. A calidade do proxecto abegondense convenceu a UE, tanto polos beneficios da iniciativa nos veciños como pola súa repercusión a nivel de Galicia, España e Europa.
O proxecto consistirá en introducir a innovación para darlle servizo de abastecemento ou saneamento a vivendas do municipio, que por causa da dispersión poboacional, non poden empregar as redes municipais. Levarase a cabo entre os anos 2013 e 2017, coa participación da Consellería de Sanidade e de Augas de Galicia, que decidiron formar parte do plan polo seu carácter extensible aos 600.000 galegos que presentan esta casuística.
Na súa resolución, a UE destaca que a proposta de Abegondo quere “demostrar a reproducibilidade do seu modelo, non só noutros 24.000 pequenos núcleos de Galicia, senón noutros lugares de Europa con características similares”. Estímase que un de cada 10 cidadáns europeos se encontra nesta situación.
Desenvolvemento
A primeira fase do proxecto será de diagnóstico e análise do estado dos sistemas autónomos, o que permitirá o desenvolvemento dun plan que será probado nun núcleo piloto de 10 vivendas. No dito núcleo efectuaranse as obras oportunas na traída veciñal e nos pozos de cada vivenda, construíndo novos pozos se é necesario, que garantan a salubridade.
E é que a falta de regulación nos sistemas autónomos supón un hándicap para asegurar o seu funcionamento correcto e en condicións saudables. Cada vivenda contará ademais cun sistema para almacenar a auga da choiva, e así poder aproveitala para regar os cultivos, especialmente en verán.
A nivel de saneamento, en cada casa instalarase unha fosa séptica cun sistema de depuración a través das bacterias do solo. Os restos sólidos sería o único a baleirar mediante un camión cisterna, cunha periodicidade estimada de cada dous anos.
Con este plan piloto xa se poderían extraer as conclusións para poder estender el sistema ao resto do municipio e trasladalo ao resto de concellos galegos.
O orzamento total do proxecto será de 774.000 euros, que serán financiados pola Unión Europea, coas achegas do Concello, Sanidade e Augas de Galicia.
Máis info: Concello de Abegondo












Pingback: Bitacoras.com